Consello Galego de Museos
En 1981 organizouse en Compostela o primeiro Coloquio de Museos Galegos, que foi a primeira tentativa de establecer unhas liñas de coordinación e cooperación entre os museos de Galicia. Entre as conclusións daquel primeiro encontro formulábase o propósito de constituír unha plataforma estable que posibilitase a "coordinación e colaboración entre as institucións museísticas galegas, e que tería como función primordial a de procurar solucións para a problemática xeral plantexada". Será en 1983 cando se formalice a creación do Consello Galego de Museos, que como tal é invitado a designar un representante no recén creado Consello da Cultura Galega. Pero é en 1990 cando o Consello Galego de Museos adquire estatuto legal mediante a fórmula de asociación de ámbito galego. A acta fundacional, asinada o 21 de xullo, aparece subscrita por dez Museos, de moi diversa titularidade; no día de hoxe, son vintenove os centros incorporados ao Consello.
